ARTES E APARELLOS
 

Informe sobre a orixe do fuel

 

   En relación coas novas aparecidas na prensa os pasados días 3 e 4 de marzo, en relación ó contido do informe "Resultados das prospeccións dos fondos mediante Rastro de Vieira, Nasas e Miños" , nas que, a partir da información estrictamente técnica contida no devandito informe, realízanse unha serie de hipóteses con respecto á orixe do fuel detectado nalgunhas zonas da costa galega sen máis fundamento que o reflexado no informe, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere puntualizar que:

  1.    En ningún momento, no citado informe, descríbese o fuel "fluído ou fresco" como novo fuel "que provén directamente dos tanques do petroleiro afundido". Debe terse en conta cal é a finalidade e obxectivos do informe: a prospección de fondos mediante diversas artes de pesca e, nese contexto, realízase unha descripción dos distintos tipos de fuel localizados; é precisamente ó emprega-los miños cando se detecta o fuel fluído e en suspensión, non localizado con anterioridade mediante o rastro da vieira ou as nasas.

  2.  

       No informe emítese unha hipótese: "o fuel que entrou foi efectivamente fluído e non arrincado das rochas ou dos fondos", e con isto preténdese indicar que este tipo de fuel, polas súas características, é diferente ó atopado con anterioridade ou noutras zonas (do que a orixe é claramente procedente das rochas ou fondos próximos), máxime cando as condicións metereolóxicas e do mar nos días en cuestión non parecían propicias para a súa extracción das rochas. E non se vai máis alá pois, entre os obxectivos do traballo realizado, non se atopaba a determinación da orixe do fuel que se localizase e a información técnica dispoñible tra-las mostraxes non era suficiente para concretar con maior precisión a orixe deste tipo de fuel; pretender, polo tanto, ampararse no contido en dito informe para corrobora-la hipótese de que o fuel proviña directamente da zona de afundimento non deixa de ser unha interpretación sen base dun informe técnico, do cal o alcance é o exclusivamente amparado polos datos dispoñibles nese momento.

     

  3.    Neste contexto, é totalmente inexacto que os datos da Consellería contradigan a versión dos técnicos do CSIC. Como queda reflexado no apartado anterior, no informe constátase a presencia do fuel "fluído" para o cal, en reiteradas ocasións, os portavoces oficiais do Governo e o propio Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, ofreceron unha explicación de sobra coñecida e difundida. Do contido no informe citado non é posible deducir que a orixe do fuel fluído non se deba á ruptura de masas de fuel depositado nas rochas ou nos fondos, que debido ó endurecimento da súa capa superficial, conserva no seu interior ese fuel fluído.

 

   No informe, a partir da análise das condicións metereolóxicas dos días de aparición de fuel fluído, indícase que este podería non proceder das rochas ou fondos próximos; nembargantes, si sería posible que esta fose a súa orixe en días anteriores, con ventos de compoñente Sur que, unha vez arrincado das zonas costeiras ou dos fondos, o desplazasen á zona onde se localizou pasados uns días.

 

   Por outro lado, tanto a Consellería como o propio Governo Central manexan unha serie de datos que aportan solidez á explicación oficial; entre os máis relevantes:

 

  1.    O Informe Técnico CSIC "Prestige" Número 14, titulado "Rede de Vixiancia de manchas de fuel no litoral" do que o obxectivo consiste en "averigua-la posible antigüidade das manchas, co fin de establecer se son recentes, procedentes do pecio, ou polo contrario proveñen do fuel vertido con anterioridade e que segue á deriva ou se puido removilizar dende a costa", pon de manifesto que da serie de mostras analizadas (18 mostras recollidas entre Cabo Touriñán e Bermeo ata o 14 de xaneiro) todas procedían do vertido inicial e posuían un grao de envellecemento acorde coa súa permanencia no mar durante máis dun mes.

  2.  

  3.    O informe nº 3 do Instituto Español de Oceanografía, titulado "Presencia e cuantificación de fuel no fondo da plataforma de Galicia", no que se sinala que durante a campaña "Prestige-Plataforma 1202" realizáronse prospeccións acústicas, unha vez definido o sinal TS do fuel, concluíndose que non había presencia do mesmo entre augas, pese a realizarse un exhaustivo mostreo mediante radiais sobre toda a plataforma e navegando sobre manchas importantes de fuel en superficie.

  4.  

  5.    Durante un prolongado periodo de tempo desenvolvéronse numerosas prospeccións diarias por parte de embarcacións do propio sector (cerco e arrastre), entre A Garda e Fisterra e ata 40 millas, coordinadas polas Capitanías Marítimas, das cales o obxectivo era a detección de fuel mergullado navegando cara a costa, non detectándose ningunha presencia de fuel entre augas.

  6.  

  7.    Na zona de afundimento detéctase permanentemente (cando as condicións metereolóxicas o permiten) unha ampla zona irisada da cal a orixe debe ser necesariamente o fuel que, nunha cantidade entre unha e dúas toneladas día verte o pecio (Comité Científico Asesor Prestige, Informe Número 7); pese a intentalo en repetidas ocasións, os buques anticontaminación non conseguiron recolle-lo fuel desta zona debido á súa pouca consistencia e espesor. Considerando a evolución dos vertidos anteriores de fuel do Prestige, é de supoñer que esta mancha, presente na zona de afundimento, en concordancia co apuntado polos técnicos de ITOPF, dispérsase pola propia acción da ondada e dos procesos de degradación natural no mar, de tal xeito que chega a desaparecer.